A Deputación asinará a finais de ano os convenios cos 25 concellos beneficiarios do Plan de Reequilibrio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra asinará a finais de ano os convenios cos 25 concellos beneficiarios do Plan de Reequilibrio, segundo anunciou este mércores a presidenta da administración provincial nunha reunión cos alcaldes e alcaldesas dos concellos de menos de 20.000 habitantes que se beneficiarán desta nova liña de subvencións para investimentos en dotacións singulares.
Carmela Silva explicou que o motivo da xuntanza era resolver dúbidas e informar sobre os pasos a seguir para que os concellos beneficiarios da iniciativa poidan dar cumprimento aos prazos marcados na convocatoria. Xunto á presidenta, participaron no encontro os deputados David Regades e Xosé Leal.
Silva dixo ser consciente de que "os prazos son moi axustados" polo que pediu aos responsables municipais un "gran esforzo" para poder poñer en marcha os proxectos sen problemas. Ao respecto, achegou un informe sobre os pasos a seguir para dar cumprimento ás bases das subvencións e unha proposta de convenio "para que a poidades aprobar o máis rápido posible para poder asinalos en decembro" e así comezar os proxectos "canto antes" xa que o procedemento de licitación ten que estar iniciado antes do 30 de xuño de 2018 e as obras rematadas antes do 30 de xuño de 2019.
A presidenta amosouse "orgullosa" porque "soamente había que mirar ás caras dos alcaldes e das alcaldesas para ver a súa satisfacción total" por poder acometer estes proxectos singulares.
Fronte ás críticas xurdidas do Partido Popular, que sinalou que este plan estaba "feito á medida", Carmela Silva insistiu en que desta nova liña de subvencións vanse beneficiar 11 concellos do PSOE, 10 do PP, 3 do BNG e 1 independente, "polo que falamos de subvencións baseadas en criterios obxectivos".
En total, serán 25 os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes (Catoira,Fornelos, As Neves, A Illa de Arousa, Campo Lameiro, Covelo, Barro, Crecente, Caldas, Vilaboa, Ponte Caldelas, Pontecesures, Moraña, Forcarei, Silleda, Soutomaior, Bueu, O Grove, Mondariz, A Cañiza, Meis, Rodeiro, Gondomar, Nigrán e O Porriño) que recibirán 15 millóns de euros en subvencións da institución provincial para desenvolver un proxecto singular en cada termo municipal algo que "nunca antes puideran facer co anterior goberno provincial do PP, que soamente repartía recursos para os seus", afirmou.
A presidenta da Deputación aproveitou para recordar que estas subvencións están centradas nos concellos de menos de 20.000 habitantes porque éstas non se inclúen nos novos fondos da Unión Europea, como o DUSI, o que ocasiona que non poidan facer fronte a grandes proxectos e investimentos.
Relacionadas:
-
A Deputación asina convenios con 21 dos 25 concellos beneficiarios do plan de reequilibrio
Por Oskar Viéitez |
-
Os investimentos da Deputación nos concellos, no centro do debate político
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP denuncia o reparto "a medida" do plan de reequilibrio da Deputación e pide a súa paralización
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A que dedicarán os concellos da comarca o plan de reequilibrio provincial?
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno provincial levará ao pleno unha modificación de crédito de 12,8 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |