Malestar entre pais do colexio Vilaverde polos "vaivéns" na calefacción, que xa funciona
Por Natalia Puga
A última hora da mañá deste mércores, o novo sistema de calefacción do colexio Vilaverde de Mourente funcionaba a pleno rendemento e todas as aulas do colexio tiñan servizo. A situación acougou un pouco os ánimos dos pais con alumnos no centro, pero foron moitas as familias que nas horas e días previos mostráronse moi indignadas e preocupadas polo funcionamento, pois levan semanas con vaivéns e cos seus fillos "pasando mucho frío".
Para entender a situación cabe botar a vista atrás varias semanas. A Consellería de Educación instalou este ano unha nova caldeira de biomasa no centro e, por cuestións alleas á propia administración autonómica, cando todo o sistema estaba en marcha, faltaban unhas pezas que impediron poñela a funcionar. Finalmente, tras as queixas dos pais polo frío e a falta de información sobre o proceso, o pasado 14 de novembro puido acenderse.
Naquel momento, Educación anunciou que a caldeira estaba a funcionar ao 75%, pois faltaba poder realizar unha última conexión final que entroncase todo o sistema e había unha área do centro sen servizo. En todo caso, mentres non se finalizaba a acometida completa da instalación, anunciouse que se instalarían radiadores provisionais para facilitar a actividade escolar con toda normalidade.
"Ahí todos nos quedamos tranquilos y convencidos de que la situación estaba solucionada y había calefacción en todo el colegio", explica unha nai con dous fillos no centro, pero "nuestra sorpresa llegó cuando los niños empezaron a enfermar" e esta mesma semana tiveron confirmación de que había varias aulas do colexio nas que non funcionaban nin a caldeira nin os radiadores provisionais.
Un pai que este mércores non puido levar á súa filla ao colexio porque, por segunda vez nas últimas semanas está arrefriada, mostrou a súa indignación porque mesmo no colexio chegáronlles a dar a razón en que non había calefacción e porque nas clases nas que a caldeira aínda non podía dar servizo non se acenderon os anunciados calefactores.
Fontes oficiais da delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra explicaron este mércores que si houbo dous días con problemas no servizo, pero durante o resto do tempo a calefacción funcionou no 75% das aulas anunciadas e no resto había sistemas adicionais para dar calor. Aseguraron, ademais, que á primeira hora deste mércores a caldeira entrou en funcionamento ao 100% da súa capacidade.
A mañá estivo chea de vaivéns no centro e, pouco despois de que comezasen as clases deste mércores, xa deixou de funcionar. A media mañá os servizos técnicos que acudiron ao centro confirmaron que fallaba unha placa eléctrica e non estaba a funcionar correctamente, pero as mesmas fontes oficiais aseguraron que a última hora da mañá todo solucinado e estaba a pleno rendemento.
Varios pais consultados por este xornal confirmaron que ao termo das clases da mañá deste mércores a calefacción estaba a funcionar, pero engadiron que seguen estando preocupados porque "estos vaivenes no son normales, no puede ser que la calefacción vaya y venga, esto para los niños es malísimo".
Ademais, segundo unha das nais do centro, con nenos en Infantil e Primaria, ao longo das últimas semanas chegou a haber unha profesora que levou da súa clase un calefactor eléctrico para quentar a súa clase e foron moitos os nenos que colleron arrefriados. "En invierno siempre es normal que los niños se pongan malos, pero mi hijo no había tenido fiebre en los últimos cuatro años y este curso ya lleva dos veces en tres semanas", engadiu outra.
O malestar das familias céntrase tamén na falta de información por parte do propio centro. "Envían comunicaciones oficiales cuando hay piojos y acaban de enviar una para anunciar que el día 7 no es lectivo por el puente. ¿Qué les costaba avisar de que no funciona bien la calefacción para que mandemos a nuestros hijos más abrigados?".
Respecto diso, varios pais consultados indicaron que entenden que unha caldeira nova poida ter problemas de funcionamento e que pode haber avarías, pero "lo que no veo lógico es que no se nos avise como padres".
Tamén mostran o seu malestar por outra situación, que no colexio están a realizar varias obras que obrigan a que haxa cambios nas clases e moitas partes do centro estean abertas. Respecto diso, fontes oficiais da Xunta indicaron que está previsto que esas actuacións estean finalizadas antes de Nadal, pero aínda non se pode concretar a data exacta.