Manuel Vázquez, alcalde da Illa de Arousa, optará a relevar a Pachi Vázquez á fronte do PSdeG-PSOE
Por Alejandro Espiño
A loita polo posto de secretario xeral do PSdeG-PSOE ponse interesante. Ata agora o único que oficialmente dera un paso á fronte para liderar aos socialistas galegos fora o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro. Pero saíulle un rival na provincia de Pontevedra. O alcalde da Illa de Arousa, Manuel Vázquez, anuncia a súa intención de optar a facerse coas rendas do partido.
Manuel Vázquez, rexedor do municipio arousano desde hai 14 anos, asegura que decidiu dar o paso logo de recibir o respaldo de "un número importante de militantes". En todo caso, rexeita a posibilidade de adscribirse a algunha das correntes internas que hai no seo dos socialistas galegos. "A miña única marca é o PSOE", afirma en declaracións á axencia Europa Press.
O alcalde reivindica que precisamente os seus anos de experiencia á fronte do concello arousano, no que venceu en catro eleccións consecutivas, son a súa mellor carta de presentación para optar á Secretaria Xeral do PSdeG-PSOE. Pero insiste "só hai un proxecto, que é o do PSOE, que debe saír reforzado" e advirte que os socialistas deben centrarse en dar respostas aos problemas da xente e non "en problemas internos".
Por agora, Manuel Vázquez non quere desvelar se entre os seus plans está abandonar a política municipal para centrarse nas súas ambicións de partido. "ÿ moi pronto para responder a iso", explica. "Por agora centrarei os meus esforzos nisto e logo xa veremos". Iso si recoñece que esta decisión de presentarse ao cargo de secretario xeral é algo que vén reflexionando "desde hai tempo".
Queda por ver agora se, como é máis que previsible, ademais de Gómez Besteiro e Manuel Vázquez, hai máis candidatos para dirixir aos socialistas galegos. Tras descartarse a opción de José Branco, no PSdeG-PSOE están pendentes da decisión que adopte Pachi Vázquez sobre se opta á relección ou se finalmente presentarase o exministro de Xustiza, Francisco Caamaño. Outra vía podería ser o exalcalde de Fene, Iván Pontes, nomeado recentemente portavoz da corrente denominada Novo Socialismo Galego.