Absolven o garda civil acusado da morte do ex batería de Los Piratas
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra decidiu absolver o axente da Garda Civil acusado dun delito de homicidio imprudente por disparar o ex batería do grupo Los Piratas, Javier Fernández, o 26 de agosto de 2015 na súa casa de Ponteareas.
A Fiscalía xa sostivo desde un principio que a acción do axente, que disparou ao músico ao temer pola vida do seu compañeiro de patrulla, non é delito. O xuíz, Miguel Aramburu, seguiu as teses do fiscal e tampouco ve delito no proceder do garda, desestimando así as pretensións da familia do falecido, que foron os responsables de sentalo no banco e pedían a súa condena.
"A conduta estaba totalmente xustificada e non foi contraria a dereito, o que, ademais, exclúe a existencia dun delito doloso de lesións", recolle a sentenza do xuíz decano de Pontevedra. Engade que os dous axentes e tres sanitarios que acudiron á casa do falecido "actuaron correctamente e ningún reproche debe facerse ao seu actuar" e "está acreditada" a necesidade de disapararlle coa súa arma regulamentaria e "dadas as circunstancias, a súa proporcionalidade".
A sentenza sostén que o axente disparou a Javier Fernández "consciente da situación de risco do seu compañeiro a quen non podía auxiliar, xa que o estaba situado non exterior da vivenda, e dado que non tiña outro medio para evitar a agresión". Engade que actuou ante "o risco que representaba para a vida do seu compañeiro".
"Sacou a súa pistola e rapidamente, cando considerou que podía facer un disparo coa finalidade de ferilo, disparoulle para impedir que continuase agredindo u seu compañeiro", engade a decisión do maxistrado. Con tal mala sorte que o disparo, nunha perna, resultou mortal.
O xuíz considera como feito probado que ese día, sobre as 12.00 horas, o axente e o seu compañeiro acudiron o domicilio de Javier Fernández para atender o que lle dicían que era un caso de violencia de xénero. Ao chegar ás proximidades, atopáronse cunha ambulancia do 061, que tamén fora avisada para ir a este domicilio. Nese momento tamén chegou a hoxe viúva do falecido, que lles dixo que o seu marido a agredira e continuaba agresivo, e un amigo da familia, que traía ao fillo do músico.
Ante esta situación, segundo o xuíz, os axentes e o médico, o condutor e un enfermeiro do 061 subiron á casa e, ao chegar ao soportal, empezaron a falar con Javier Fernández. El púxose cada vez máis agresivo, a pesar de que o persoal sanitario e os axentes tentaron acougalo e convencelo para que recibise asistencia. Con todo, o músico "continuou na súa actitude, e dicíalles ás persoas alí presentes frases como 'os voy a matar, os voy a hacer pedacitos'".
Segundo o xuíz, o médico e un técnico fóronse á ambulancia para buscar medicación para poder sedarlo ante o estado de agresividade que presentaba e, cando empezaron a retirarse do lugar, o músico foi á cociña e colleu varios garfos e un coitelo de mesa. Con eles na man, volveu de súpeto ao corredor de acceso á casa, onde estaba un dos gardas, e comezou a agredilo co coitelo e os garfos á altura do nariz e preto dos ombros. O axente tentaba esquivar os golpes.
O compañeiro, o agora acusado, estaba fóra da vivenda nese momento e disparou á perna. Segundo o xuíz "pretendía coa súa acción protexer a vida do seu compañeiro, tendo intención de só ferir o agresor", pero a bala desgarrou unha parede da vea cava inferior, o que provocou que o músico falecese.
O xuíz tamén pide que se deduza testemuño desta sentenza e se remita ao fiscal, con copia do xuízo, para que analice se considera que a declaración do testemuño dun dos amigos da familia do falecido pode constituír un delito contra a administración de Xustiza. Esta é unha petición realizada polo avogado do acusado ao remate do xuízo.
Relacionadas:
-
Solicitan que se investigue se un amigo do ex batería de Los Piratas cometeu falso testemuño no xuízo
Por Natalia Puga |
-
A viúva de Javier Fernández envía unha carta aos medios: "Nunca fun unha muller maltratada"
Por Natalia Puga |
-
O fiscal mantén que a conduta do garda que disparou ao ex batería dos Piratas "está xustificada"
Por Natalia Puga |
-
Dous días de xuízo para tentar aclarar que ocorreu o día que morreu Javier Fernández
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O garda civil acusado da morte do ex batería dos Piratas xustifícase no xuízo: "Non me quedou outra alternativa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada