Telmo Martín poñerá en Sanxenxo unha "Estrela da Morte" como a de Caballero en Vigo
Por Oskar Viéitez
Non será tan grande como a que o alcalde Abel Caballero elixiu para Vigo pero o seu homólogo Telmo Martín tamén terá en Sanxenxo a súa particular versión da "Estrela da Morte". Na Praza dos Barcos instalarase unha bola luminosa de 4 metros de diámetro, con dúas portas para poder entrar no interior, recuberta de lámpada de led vermellas e estrelas de tubo luminoso de cor branca.
O Concello de Sanxenxo acenderá o próximo 5 de decembro a iluminación ornamental de Nadal que se está instalando estes días en diferentes lugares do municipio. Nesta ocasión, a administración local iluminará o concello ata o 7 de xaneiro e permanecerá acendido diariamente desde as 18.00 horas ás 02.00 horas.
A empresa Creaciones Luminosas S. L resultou adxudicataria deste servizo, no que o Concello de Sanxenxo investirá este ano unha contía de 40.500 euros.
Á hora de deseñar a distribución marcáronse como puntos estratéxicos as rotondas, ao ser espazos que vertebran o territorio, nas entradas do municipio, así como a Casa do Concello, entre outras rúas e avenidas.
Ademais da mencionada bóla tamén se poñerán luces nos seguintes espazos:
- Un árbore tipo cono de 10 metros de alto en Portonovo, fabricado en aluminio e recheo con tapiz de cor azul e con estrelas perfiladas con tubo luminoso de led cor branca e guirnalda tipo flashing.
- Un árbore tipo cono de cor azul de 6 metros de alto en Vilalonga.
- As 4 árbores naturais da Praza de Pascual Veiga serán iluminados con 30 metros de guirnalda con luces de cor branca.
- Nas rotondas de Arnelas, Baltar, Portonovo, Vilalonga e Noalla instalaranse unhas estruturas de aluminio que definen a contorna dunha figura dunha árbore de 3 m e 2 m de alto.
- Na rotonda que da entrada á vía rápida, colocaranse guirnaldas de cor branca nos abetos.
- Na rotonda da estrada de Vilalonga a Cambados (Eroski) e na de Dorrón, serán unhas bólas luminosas as que adornen o lugar.
- Na fachada principal do Concello, colocarase o lema Bo Nadal e uns motivos luminosos.
- En diferentes vías e zonas do municipio instalaranse estruturas con diversos deseños nos farois e arcos luminosos.
- Os rótulos coa lenda Boas Festas, darán a benvida aos usuarios da estrada que vai desde Sanxenxo a Pontevedra (en Dorrón), na que une Vilalonga e Cambados e na de Noalla.
A concellería apostou por unha serie de melloras con respecto ao ano pasado como son, o reforzo dos arcos no centro de Vilalonga, reforzo no paseo de Silgar e en Rafael Picó e entre a vía rápida e a rotonda de Arnelas.
Todo suma un total de 253.925 puntos de luz instalados no municipio, que dotarán aos lugares de maior concorrencia dun ambiente festivo. Apóstase por un deseño innovador, que inclúa unha ornamentación que coida o detalle e confíase na colaboración da cidadanía no coidado de toda a decoración, xa que resulta imprescindible para a súa conservación durante toda a campaña do Nadal.