Pontevedra garda silencio ante o atentado en Exipto: "Todos os mortos son iguais"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A clase política de Pontevedra mostrou este luns o seu rexeitamento ao atentado terrorista que o pasado venres 24 cobrouse 305 vidas na mesquita de Al Rauda, en Exipto. Trátase dunha concentración propia do Concello, pois, nesta ocasión, nin a Fegamp nin a Femp decidiron realizar unha convocatoria xeral como si ocorreu cos últimos atentados en Barcelona ou Londres.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xustifícao: "Cremos que hai que rexeitar todo tipo de terrorismo e de intolerancia en contra das persoas e que todas as vidas humanas e todos os mortos son iguais".
Concelleiros de PP, PSOE, BNG e Cidadáns secundaron a convocatoria, que consistiu nun sentido minuto de silencio tras o que o alcalde valorou que o atentado en Exipcio foi "unha masacre total" que, ademais acabou case coa práctica totalidade dos homes dun pobo.
"Para nós todos os mortos son iguais e, polo tanto, rexeitamos todo tipo de terrorismo e de intolerancia porque, ao final, ou que hai detrás de todo isto é a intolerancia, facer desaparecer aos que non pensan coma ti, aos que están a favor doutras cousas", resumiu Fernández Lores.
Na súa opinión, un atentado "absolutamente criminal e xenocida" como este require unha resposta por parte das administracións e romper coa norma non escrita de que en España só se convocan actos de protesta contra os mortos próximos e non contra os que se producen en Oriente Medio ou nos países árabes. "Sinceramente, moitos pensamos que ía sendo hora de concentrarnos non só polos atentados próximos ou, en todo caso, en Occidente", engade.
No transfondo da concentración está o rexeitamento da clase política pontevedresa, en nome de todos os veciños aos que representan, ao terrorismo internacional e a defensa do dereito de todo o mundo a opinar libremente sobre cuestións de tipo relixioso, político, etcétera.
Relacionadas:
-
Pontevedra exterioriza o seu rexeitamento aos atentados en Cataluña
Por Redacción |
-
Chamada a unha concentración silenciosa de repulsa aos atentados de Barcelona e Cambrils
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Minuto de silencio na Subdelegación este mediodía en repulsa polo atentado en Niza
Por Redacción |