Veciños de Barro recollen sinaturas polos cheiros e verteduras ao río Areal, ao carón do Camiño de Santiago
Por Redacción
Un grupo de veciños de Barro presentou esta semana no Concello máis de 300 sinaturas recollidas para denunciar os cheiros e verteduras que teñen detectado no cauce do Río Areal, nunha zona sensible da que, ademais, destacan que está ao carón do Camiño de Santiago.
Os prexudicados crearon unha plataforma de veciños afectados polos cheiros e verteduras no lugar de Cancela, en Portela-Barro, e aseguran que todo procede das instalacións dunha empresa.
Ao respecto, indican que as verteduras son visibles polas mañás cedo e chegan cerca de Valbón, aproximadamente dous kilómetros río abaixo, deixando o cauce do río Areal cunha tonalidade branca.
Segundo aseguran, "son moitos os anos que os veciños do lugar da Cancela estamos a sufrir os cheiros da empresa Conjusa, que crea malestar e unha situación de insalubridade". Por iso é polo que, "ante a pasividade das administracións", decidiron recoller sinaturas e presentalas ante a administración máis próxima, o Concello.
Os veciños presentaron as sinaturas e tamén tiveron unha reunión co alcalde e o tenente de alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes e José Sanmartín, aos que trasladaron as súas queixas e pediron a súa colaboración.
Segundo a información facilitada polos veciños, os representantes municipais trasladáronlles que a empresa á que acusan ten todas as licenzas legais e non é competencia do concello -tampouco tería medios- realizar comprobacións sobre o funcionamento da fábrica. Ademáis, aseguráronlles que a empresa ten autorización de Augas de Galicia para as verteduras que realizan.
Despois desa reunión, os veciños piden á administración competente, a Xunta de Galicia, que tome cartas no asunto e lembran que se trata dunha cuestión ecolóxica, pero tamén turística, pois polas inmediacións da fábrica pasa o Camiño Portugués a Santiago e a imaxe que se está dando da zona é negativa para os milleiros de peregrinos que o utilizan.
Os veciños piden unha solución a todos estes problemas e propoñen o traslado da empresa a un polígono ou un tratamento técnico na depuradora para evitar os cheiros. Aclaran que non queren prexudicar aos traballadores da empresa, só poder convivir dunha forma armoniosa evitando este tipo de cheiros e verteduras.