Os centros educativos, protagonistas do 25-N en Bueu
Por Redacción
Os centros educativos de Bueu foron este venres os protagonistas dos actos de conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero no municipio, nos que o alcalde, Félix Juncal, destacou que o Concello ten nas súas liñas estratéxicas o fomento da igualdade e a reflexión entre o alumnado dos centros educativos da vila, "que son a esperanza futura".
Juncal participou na concentración silenciosa, na declaración conmemorativa e na entrega de premios do XV Concurso de Carteis, actos todos nos que o alumnado foi o protagonista e nos que destacou que "buscamos que o protagonismo sexa das sociedades, dos máis mozos que construirán o futuro".
A concentración silenciosa en memoria das vítimas da violencia machista celebrouse ao mediodía no Centro Social do Mar e todos os asistentes gardaron un minuto de silencio como repulsa ante todo tipo de violencia e, en especial, á que se exerce sobre as mulleres. A concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, lembrou que no que vai de ano xa son 45 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas por esta lacra social que é preciso erradicar.
O alumnado do CEIP A Torre de Cela foi o encargado de realizar a declaración conmemorativa desta data. Nesta ocasión, interpretaron unha canción cunha radiografía sobre a violencia machista en todas as súas vertentes, tanto a física como a máis invisible, esa que non se ve. A montaxe incluíu tamén un vídeo con imaxes do propio alumnado, e rematou cun pequeno discurso por parte de cinco alumnos.
O acto culminou coa entrega dos premios do XV Concurso de Carteis contra a violencia de xénero realizados nos centros de primaria e secundaria de Bueu.
Relacionadas:
-
Nova campaña de educación non sexista en Bueu
Por Redacción |
-
Bueu participa nun programa de atención para escolares vítimas de violencia machista
Por Redacción |
-
Os colexios da comarca, contra a violencia machista
Por Redacción |
-
"Oxalá puidese concienciar polo menos unha persoa sobre a violencia de xénero"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |