"Oxalá puidese concienciar polo menos unha persoa sobre a violencia de xénero"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
"Era o mozo ideal, era o monstro perfecto, era o alicerce do meu mundo, era a miña bóla de demolición". A frase está recollida no relato 'Él', redactado por Nicole Oubiña Vilas, alumna do IES Ramón Cabanillas de Cambados e gañadora do primeiro premio do I Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero na súa modalidade de relato e na categoría 1, e con ela a súa autora reflicte a situación na que se atopan bo número das vítimas de violencia de xénero, anuladas por un maltratador ao que queren e que as destrúe.
Con tan só unha frase, redactada por unha escolar de 14 anos, pode resumirse a realidade da violencia de xénero na actualidade e con concursos como o que gañou -xunto a outras 11 persoas- pode contribuírse a acabar con esta 'lacra' social que este ano xa deixou 45 mulleres asasinadas en España. Ou, polo menos, leste é o obxectivo co que o convocou a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Este venres celebrouse na sede de Afundación en Pontevedra o acto de entrega de premios do concurso, que dirixrion os actores Pilar Castro e Luis Zahera e no que esta escolar de Cambados manifestou o seu desexo de que co seu relato "oxalá puidese concienciar polo menos a unha persoa sobre a violencia de xénero".
Outros gañadores aproveitaron o acto para trasladar os seus desexos e resultou especialmente rechamante o discurso de David Alján Lusquiños, un alumno do CPI Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior que levou o terceiro premio da mesma categoría polo seu relato ' Voa, alma, voa' e quixo dedicar o galardón a Conchi Reguera, vítima de violencia de xénero asasinada pola súa parella en Ponte Sampaio en outubro de 2015, pois "desgraciadamente tocoume vivir moi de cerca"o seu crime.
Os escolares, todos eles en idade adolescente, demostraron ter unha intensa concienciación na loita contra a violencia de xénero e en prol da igualdade entre mulleres e homes, con discursos comprometidos como o de Gabriela Prado Balseiro, alumna do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis que levou o segundo premio de relato na súa categoría pola obra 'Frío e vulnerabilidade', que se dirixiu a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero e agresións sexuais para "que saiban que eu si que as creo".
O acto de entrega estivo presidido pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, que pediu que todos remen "na mesma dirección"contra a 'lacra' social da violencia de xénero e trasladou a todas as mulleres que sofren malos tratos "que saiban que teñen que denunciar, que hai saída".
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu en que a educación en igualdade e a concienciación na loita contra a violencia machista "teñen que vir desde que os rapaces son moi novos"e "na educación está unha das grandes claves para que a violencia machista algún día sexa un mal recordo".
Consulta aquí os gañadores do I Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero.
Relacionadas:
-
Nas súas mans está un futuro de igualdade
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Convocan a segunda edición do concurso escolar de debuxo e relatos contra a violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Os centros educativos, protagonistas do 25-N en Bueu
Por Redacción |
-
Os colexios da comarca, contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Debuxos e relatos cunha "intensa concienciación" dos adolescentes ante a violencia de xénero
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Medio milleiro de traballos presentados ao Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero
Por Redacción |
-
Convocan un concurso de debuxo e relato para plantar cara á violencia de xénero desde o instituto
Por Redacción |