Piden a recuperación de salarios e condicións laborais no emprego público
Por Anxo Lourido
Un grupo de delegados sindicais de UXT e Comisións Obreiras concentrábanse na mañá deste venres ante a Subdelegación do Goberno para reclamar a recuperación de salarios e reivindicar os dereitos que consideran que foron arrebatados aos empregados públicos durante os últimos anos, desde o inicio da crise económica.
Os sindicatos convocantes afirman que se atopan negociando co Estado e coa Xunta de Galicia para non seguir acumulando perdas económicas e dereitos laborais como vén sucedendo desde 2011. Sinalan que esta situación acaba repercutindo no cidadán a través de servizos públicos como a sanidade ou o ensino.
José Manuel Ramos, secretario de FSC Galicia CC.OO, indicaba que os empregados públicos chegaron a sufrir perdas económicas que superan o 12%, dependendo dos sectores da administración.
Por este motivo, afirmaba Domingo Barros, secretario de Emprego e Formación de UXT Galicia, os convenios colectivos atópanse desmembrados e incúmprense os acordos laborais.
Os manifestantes baixo o lema "Agora: salarios, emprego público e dereitos" denunciaban que nos últimos 17 anos perdéronse 16.000 empregos no sector público de Galicia. Reclaman a negociación colectiva para tratar cuestións de mellora salarial, formación, saúde laboral, incapacidade temporal ou regulación das xornadas co obxectivo de que se inclúan nos orzamentos de 2018.
O 14 de decembro celebrarase unha manifestación en Madrid e está previsto que se manteña un calendario de protestas con outra gran mobilización en xaneiro.