Autorizan a apertura de novas farmacias en Barro e Poio
Por Redacción
Barro e Poio contarán a curto prazo cunha nova farmacia nos seus respectivos territorios. O novo mapa farmacéutico de Galicia, aprobado este xoves polo Consello da Xunta, inclúe a estes dous concellos da comarca de Pontevedra na relación de 41 municipios nos que se autoriza a apertura de novos establecementos.
O obxectivo desta medida, segundo o goberno galego, é garantir unha atención sanitaria axeitada en áreas semiurbanas como Poio e de zonas rurais, como é o caso de Barro.
Sanidade entende que, con estas dúas aperturas, lógrase nos dous concellos un acceso rápido, oportuno e equitativo por parte dos cidadáns aos produtos farmacéuticos.
Tamén se busca garantir o dereito de libre elección de oficina de farmacia por parte da cidadanía, na medida en que se mellora a oferta e se adecúa ás circunstancias da poboación existentes na actualidade, recibindo así unha atención con maior inmediatez e proximidade.
O seguinte paso, avanzan desde a Xunta, será iniciar o procedemento de adxudicación destes dous establecementos.
A adxudicación realizarase a través de concurso público cunha convocatoria a un acto ao que están chamados a concorrer todos os participantes, e no que cada un deles se presentará a todas as oficinas convocadas.