Bueu celebra este venres o día contra a violencia de xénero
Por Redacción
O Concello de Bueu conmemora este venres o día internacional contra a violencia de xénero, unha data con moito protagonismo para os centros educativos da vila, que constitúen o piar fundamental á hora de traballar esta data dende o Centro de Información ás Mulleres.
Ás 11.40 horas, se a meteoroloxía o permite, haberá unha concentración en memoria das vítimas da violencia na Alameda do Concello, na que todos as asistentes gardarán un minuto de silencio como repulsa ante todo tipo de violencia e, en especial, á que se exerce sobre as mulleres.
Xa ás 12 horas, no Centro Social do Mar, o alumnado do CEIP A Torre de Cela será o encargado de realizar a declaración conmemorativa, e a continuación farase entrega dos premios do XV concurso de carteis contra a violencia de xénero, aos gañadores dos centros de primaria, ESO e bacharelato. Neste acto contarase co alcalde da vila, Félix Juncal, ademais doutros concelleiros da corporación.
Con motivo desta data, a Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu tamén acolle durante esta semana unha mostra bibliográfica arredor da muller, con libros que tratan sobre a violencia de xénero, da igualdade e outros nos que as mulleres son protagonistas. Ademais, haberá unha parte infantil con propostas para os pequenos.
E ata o sábado, 25 de novembro, as persoas interesadas poderán enviar os seus traballos para participar no VIII Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, que está dotado con 1.500 euros e que busca fomentar a reflexión crítica arredor da igualdade e da erradicación da violencia machista.