O remate da mellora da estrada A Granxa-Dorrón, pendente de Sanxenxo
Por Redacción
Un mes. É o prazo que lle dá a Deputación de Pontevedra ao Concello de Sanxenxo para que entregue os terreos que faltan para poder finalizar as obras de mellora da estrada EP-9213 entre A Granxa e Dorrón.
Os últimos traballos comezarán en decembro e consistirán no remate da beirarrúa, a canalización dos servizos de telefonía e subministro eléctrico e o asfaltado da vía.
O proxecto está sen rematar e Sanxenxo, segundo o deputado Uxío Benítez, non entregou aínda todas as fincas necesarias. Nos últimos tempos, o goberno local si aportou a cesión de terreos correspondente a un dos veciños que faltaban.
Grazas a isto, ao longo do vindeiro mes de decembro vanse executar as obras de mellora no nacemento da estrada no cruce, cun muro de peche e contención, a dotación da correspondente beirarrúa e o soterramento das canalizacións eléctricas e de telecomunicacións baixo esta.
Os técnicos provinciais agardaron a realizar estes traballos neste mes para aproveitar o menor tránsito de autobuses escolares na zona durante as vacacións de Nadal.
A intención da Deputación, segundo asegurou Benítez, é completar a totalidade da mellora da estrada EP-9213 o máis axiña posible, pero aínda queda pendente outra última cesión por parte do Concello,sobre a que o goberno municipal non ten achegado ningunha información.
Se Sanxenxo non presenta dita cesión no momento no que se acometan as obras durante o mes de decembro, procederase a realizar a conexión das últimas canalizacións polo dominio público da EP-9213, baixo a estrada, e a deixar, polo tanto, sen beirarrúa os 26 metros da fronte da devandita parcela.
Deste xeito, o servizo de Mobilidade poderá solicitar ás compañías eléctricas e de telecomunicacións que soterren os seus servizos e procedan a retirar os postes actuais para "pechar así dunha vez esta obra e garantir a seguranza viaria nesa estrada provincial", asegurou Benítez.
Como conclusión á actuación, unha vez rematados os traballos de albanelería, procederase ao saneo e asfaltado do firme coa correspondente sinalización horizontal e vertical.