Comeza a pavimentación do Camiño de Sabarigo
Por Redacción
O Concello de Bueu comezou as obras de pavimentación nun dos camiños de Sabarigo, na parroquia de Cela, cunha distancia de aproximadamente 150 metros, que se realizan con cargo a un dos remanentes solicitados á Deputación Provincial de Pontevedra.
Así o destacou o alcalde da vila, Félix Juncal, quen acudiu este mércores a visitar os traballos que comezaron e que está programado que rematen ou a finais desta semana ou a principios da próxima, dependendo da meteoroloxía.
Unha vez rematado os traballadores da brigada municipal dirixiranse ao camiño de Castrelo, tamén de Cela, e que se atopa xusto na baixada á praia de Covelo, zona na que se pavimentarán arredor de 100 metros. Así mesmo, neste caso, o Concello tamén acometeu melloras na rede de saneamento e abastecemento.
Estas dúas actuacións insírense na mellora continua da rede viaria do rural, onde tamén se están realizando traballos na recollida de pluviais, saneamento e abastecemento.