Poio, en negro contra a violencia machista
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio volve tinguirse de negro con motivo do día contra a violencia de xénero, o 25 de novembro sumándose a esta iniciativa colectiva na que participan 75 concellos galegos.
Entre os actos programados figura a lectura dun manifesto, o día 24 de novembro, na Casa Rosada. Será ás 12.30 horas e participarán as asociacións do Consello municipal da Muller nun acto aberto á cidadanía. Repartirase material da campaña en distintos puntos do municipio.
O 25 o grupo de teatro Lúa Chea representará no mesmo edificio a obra "Abre a porta". Trátase dunha comedia que utiliza o humor para reflexionar sobre algúns problemas sociais. Será ás 20.00 horas con entrada gratuíta.
E entre o día 15 e o 20 de decembro desenvolveranse talleres no instituto de impartidos por persoal do Centro de Información á Muller (CIM) que detectou un incremento de violencia machista en parellas novas.
A directora do CIM de Poio, Raquel Morales, informou que os servizos sociais levan acollidas este ano a 51 novas mulleres que solicitaron axuda por malos tratos, aínda que tan só denuncian o seu caso ante a policía "a metade" e desas denuncias e "un 30% acaban con orde de afastamento para o agresor".