Aproban a concesión de 800 euros bianuais para fomentar a natalidade na Lama
Por Redacción
No último pleno municipal, a corporación da Lama aprobou por unanimidade a concesión de axudas ao fomento da natalidade e o empadroamento coa entrega dunha subvención bianual de 800 euros para 10 familias. A achega faise de forma bianual, por neno nado e rexistrado no municipio.
O Concello quería destinar unha cantidade de 1.000 euros por nacemento pero o número de nenos nacidos aumentou un 25% e provocou que se reducise a axuda que, segundo fontes municipais, será corrixida o próximo ano coa redacción e aprobación dos orzamentos.
Os concelleiros do pleno presidido polo alcalde Jorge Canda consideran moi positiva esta medida de fomento da natalidade e teñen previsto aumentar a partida orzamentaria no próximo exercicio. Actualmente destináronse 8.000 euros para esta iniciativa.
OBRAS DE MELLORA
Tamén se aprobou por unanimidade o destino de 107.000 euros de fondos propios do Concello da Lama a diversas obras de mellora de infraestruturas entre as que se atopa a renovación completa do sistema eléctrico do edificio consistorial, ademais da instalación de iluminación pública con tecnoloxía led en Liñares, na parroquia de Xesta.
Tamén se acometerá un novo asfaltado nos lugares de Cortegada, Antas, Seixido, A Gaiola, A Firveda e A Moa.
Por último, na sesión plenaria aprobouse, coa abstención da oposición, a modificación de crédito entre aplicacións de distintas áreas de gasto. Desta forma, segundo o goberno local, quérese compensar a departamentos como o de cultura que precisa dunha maior dotación orzamentaria e para iso derivarase diñeiro doutras concellerías que aínda non teñen esgotados os seus recursos.