As obras de accesibilidade do Pavillón non interromperán a actividade deportiva
Por Alejandro Espiño
O Pavillón Municipal converterase nun espazo accesible unha vez se complete a actuación que acaba de sacar a contratación o Concello de Pontevedra. Licítase por 237.285 euros e a empresa adxudicataria terá catro meses para realizar as obras.
Este proxecto de mellora da accesibilidade non interferirá na actividade deportiva das instalacións, onde recentemente tamén se cambiou a cuberta, a pista de xogo e outras dependencias.
O principal cambio estético producirase na planta baixa do pavillón e no despacho de billetes. Reformarase esta zona para poder instalar un ascensor que permitirá que as persoas con mobilidade reducida poidan acceder a todas as plantas destas instalacións deportivas.
Colocarase unha peza de cristal traslúcida en forma de U e cuberta cunha celosía, co ascensor nun lateral. O resto do espazo será ocupado polo despacho de billetes, que tamén terá unha xanela de venda de entradas a persoas que acudan en cadeira de rodas, e por un aseo adaptado -este xa no interior do pavillón-.
Ademais, suprimirase a rampla central ao ocupar máis espazo o despacho de billetes e adaptaranse as laterais á normativa de accesibilidade.
No soto do pavillón, onde están situados os aseos, habilitarase un espazo para que as persoas ostomizadas poidan baleirar as súas bolsas e na planta baixa, ademais do novo aseo, ampliaranse as escaleiras que dan acceso ás oficinas do Servizo Municipal de Deportes.
Haberá cambios tamén na entreplanta, onde se colocará outro aseo adaptado e modificarase a zona de palco. As butacas -salvo as da primeira fila- poderanse quitar para deixar espazo ás cadeiras de rodas e substituirase a actual varanda por unha de vidro para que permita a visión sen ningún tipo de barreira. Unha actuación similar farase na planta alta.
OUTROS ACORDOS
Ademais, a Xunta de Goberno acordou prorrogar seis meses máis o actual contrato de telefonía móbil e fixa do Concello, que ten un custo de 101.000 euros.
Tamén se adxudicou á empresa Xeneme, a actual xestora do Local de Música, o novo contrato de mantemento deste equipamento. Cobrará 90.024 euros anuais. É un contrato de catro anos, aínda que se contemplan dúas prórrogas anuais.