Deteñen na peaxe de Vilaboa catro veciños da Cañada Real con 4.000 ansiolíticos e receitas falsas
Por Redacción
A Garda Civil detivo catro homes en idades comprendidas entre os 28 e 40 anos, veciños de Madrid, con preto de 4.000 pastillas de Rivotril (Clonazepam) e un lote de receitas falsificadas.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos ocorreron esta fin de semana no transcurso dun control que realizaba a unidade de seguridade cidadá da compañía de Pontevedra, en colaboración con efectivos do destacamento de tráfico de Vilaboa, na autoestrada AP-9, á altura da peaxe de Vilaboa.
Sobre as 20:00 horas do venres, interceptaron a un vehículo cando pretendía facer unha manobra evasiva, finxindo que non lle funcionaba o cartón de paso, para tratar de eludir o control.
Despois dunha exhaustiva inspección e rexistro, tanto do vehículo como dos seus ocupantes, incautáronse 3.930 comprimidos de Rivotril (Clonazepam) e 37 receitas falsificadas, escondidas en distintas partes estratéxicas do interior do turismo.
O Rivotril é un medicamento que ten como compoñente activo o cleozepam, pertencente ao grupo das benzodiacipinas, utilizadas estas como ansiolíticos e anticonvulsivos, polo que precisa de prescrición médica obrigatoria mediante receita para a súa dispensación.
Os catro ocupantes do vehículo, todos eles con domicilio na Cañada Real (Madrid), foron detidos acusados de senllos delitos contra a saúde pública e falsificación de documentos. As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución número 1 de Cangas.
No mesmo operativo, interceptáronse outros dous condutores que foron denunciados por dar positivo no control de drogas e formuláronse catro denuncias máis á lei de seguridade cidadá por tenencia de substancias estupefacientes.