Cuntis, O Grove, Meis e Barro acollen xornadas informativas sobre o servicio de teleasistencia domiciliaria da Deputación
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana novas sesións informativas sobre o servizo de teleasistencia domiciliaria, servizo que a institución provincial financia en colaboración cos concellos que actualmente ten convenio.
A primeira cita desta semana será o martes 21 de novembro, en Cuntis, a partir das 17.00 horas no Centro Cultural Roberto Blanco Torres.
O seguinte concello en acoller estas xornadas informativas será O Grove. A charla terá lugar o mércores 22 de novembro na Casa da Cultura e arrancará ás 10.30 horas.
Por último, o xoves 23 de novembro, Meis e Barro acollerán as dúas últimas xornadas informativas da semana. En Meis, a charla comezará ás 10.00 horas no Centro Multiusos Mosteiro e, en Barro, ás 17.00 horas no salón de sesións do concello.
Estas charlas informativas teñen por obxecto dar a coñecer á veciñanza a importancia do servizo para previr situacións de risco. O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra ampara na actualidade a un total de 465 persoas, das que preto dun 75% son mulleres. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida que isto implica.
Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de "mans libres" dos teléfonos móbiles.
Así mesmo, a través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas.
O servizo complétase con visitas regulares co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas e xornadas de convivencia.