Mozos barbanzanos mercan cen pacas de herba para axudar aos gandeiros de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez
Un grupo de mozos da Asociación Barbancesa de Axuda e Solidariedade achegaron a súa colaboración aos gandeiros de Ponte Caldelas.
O pasado venres día 10 esta entidade organizou un pequeno concerto onde recadaron algo máis de 400 euros. Durante o sábado, percorreron o camiño que separa A Pobra do Caramiñal e Ponte Caldelas, cunha parada previa en Vedra, onde adquiriron as 100 alpacas de herba seca que servirán para que os gandeiros de Ponte Caldelas poidan aguantar o inverno.
Para colaborar na carga e descarga, contaron coa axuda da Asociación Xuvenil Flor de Toxo, entidade con varios anos de andadura e con gran recoñecemento na citada comarca e que puxo o seu persoal á disposición "para o que fixese falta".
Tamén participou o Concello da Pobra do Caramiñal, que cedeu un camión municipal con chófer para realizar o transporte.