Universitarios pontevedreses causan furor en YouTube cun flashmob sorpresa
Por Redacción
Moitas ganas de divertirse e pouco sentido do ridículo. Con ese espírito o alumnado do segundo curso do Grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte non atoparon mellor práctica sobre danzas popularizadas que a realización dun flashmob sorpresa co que están tendo unha fantástica acollida na plataforma YouTube. Colgárono esta semana e, en pouco máis dun día, reproduciuse xa máis de 1.400 veces.
Guiados pola profesora Tamara Rial, os 115 alumnos e alumnas da materia de Expresión Corporal e Danza gravaron este flashmob xusto antes das vacacións de Semana Santa "un tipo de actividade que agora está moi de moda e que nos parece moi axeitada para introducir nas prácticas desta materia", subliña a docente.
Ao mesmo tempo fai fincapé en que este tipo de prácticas son "excelentes" para que o alumnado aprenda a desinhibirse diante do público, pois "aínda que saben que van bailar, non saben con certeza para quen nin canta xente os vai ver".
Durante 15 minutos a facultade encheuse para a sorpresa de todos os presentes de música e diversión. "Foi unha experiencia moi boa", sinala Rial, que explica que os flashmob están adquirindo moita popularidade e, aplicados ao traballo didáctico co alumnado, resultan moi enriquecedores. Para o ano tentarán repetir a experiencia "se ben introduciremos algún cambio de contidos, ou de escenario...", engade a docente, que subliña tamén que este tipo de traballos son "arriscados pero tamén moi motivadores".
Ademais do flashmob, alumnado e docente pensan xa na posta en marcha dun lipdub, un vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan os seus labios e xestos cunha canción popular "ou quizais non tanto...", recalca Rial, deixando no aire cara a onde irán os tiros nunha máis que probable nova sorpresa.