O falecido por suposto axuste de contas foi golpeado cun mazo ou un martelo, segundo a autopsia
Por Natalia Puga
Os forenses xa fixeron chegar ao xulgado e aos investigadores o resultado da autopsia realizada ao cadáver de Miguel Ángel Paz Fernández, o home de 35 anos que apareceron morto na mañá deste mércores nun camiño veciñal de Vilanova de Arousa. A análise do corpo xera dúbidas sobre a que dende un primeiro momento foi considerada como causa da morte: ter recibido golpes cun machado na cabeza.
Fontes próximas ao caso indicaron que a autopsia revelou que os dous golpes na cabeza que presentaba o corpo foron provocados cun obxecto máis contundente que un machado. Barállase se se utilizou un mazo ou un martelo, se ben non foi posible concretalo.
A Garda Civil asumiu a investigación e durante toda a xornada deste mércores peiteou os arredores do camiño da Pantrigueira, na parroquia de Caeiro, no que foi localizado tirado no chan seminu o corpo deste home natural da Illa aínda que veciño de Vilanova dende hai un par de meses.
Tamén se rastrexou o ámbito da vivenda, o número 39 do camiño da Pantrigueira, no que vivía de aluguer co seu fillo de curta idade e a súa parella, de nacionalidade romanesa. A pesar da busca concienciuda, non foi localizada a arma do crime.
As investigacións si avanzan noutros aspectos e determinouse que o cadáver se localizou a uns 300 metros da vivenda da vítima tras ser arrastrado por un camiño durante 20 metros. Ademais, púidose comprobar que o home saíu da súa casa de madrugada tras recibir unha chamada telefónica e xa non regresou. Esta circunstancia xustificaría que o cadáver foi localizado en camiseta e calzóns.
Miguel Ángel Paz Fernández ten antecedentes por delitos contra a propiedade e por conducir sen carné e nos últimos tempos supostamente empezara a consumir drogas e trapichear con estas. Atendendo a estas características, a hipótese que máis peso entre os investigadores é que a súa morte debeuse a un axuste de contas supostamente dervidado dunha débeda de drogas.