Os socialistas pontevedreses lamentan "o abandono ao que ten sometido o goberno de Feijóo ao rural"
Por Oskar Viéitez
Os socialistas da provincia de Pontevedra apoian as demandas do sindicato Unións Agrarias contra o abandono do rural. Así o trasladou o secretario xeral, Santos Héctor, que coincide coa denuncia que fai o sindicato agrario, "porque é máis que evidente o abandono ao que ten sometido o goberno de Feijóo ao rural galego e pontevedrés, cunha total falta de interlocución coa Xunta ante a situación que está a padecer o agro coas vagas de lumes, a seca ou o despoboamento".
Recorda Santos Héctor que a vaga de lumes é "unha proba máis que evidente desta situación", cun goberno que "actuou a rebufo" das demandas que se fixeron desde a Deputación de Pontevedra ao goberno de España, xa que "tardaron máis de 20 días en declarar a zona como de grave emerxencia social".
O voceiro dos socialistas da provincia subliña que é necesario que a Xunta de Galicia habilite axudas suficientes para cubrir a totalidade das perdas xa que "a última orde de axudas aprobada polo Consello da Xunta non é suficiente para paliar os danos ocasionados".
Pero máis aló desta cuestión, é tamén "evidente" destaca Santos Héctor, que o cambio climático está a facer que soportemos situacións ata agora impensables para sectores como o viñedo, a pataca, a castaña e o mel ou mesmo para os de pastos no campo galego pola seca.
"O despoboamento do rural, produto da falta de servizos ou dos recortes que o Partido Popular está a aplicar en todo o territorio pontevedrés é continuo e alarmante", continúa Santos Héctor.
Para o voceiro socialista a ausencia de actuación da Xunta en Galicia evidénciase na falta de transporte, no peche das escolas unitarias, o abandono dos centros de saúde ou a falta de solucións para a fenda dixital, son factores que axudan a este despoboamento e ao peche de explotacións agrarias xeradoras de economía. "Pero o certo é que no canto de buscar solucións responsables e realistas a Xunta dedícase a facer campañas propagandísticas e anuncios que nunca chegan a concretarse", recorda Santos Héctor.
Como medidas de urxente adopción, os socialistas da provincia reclaman que se adopten axudas directas para os afectados polos cambios da climatoloxía, bonificacións nas cotas da Seguridade Social, apoio para a contratación de seguros agrarios cun financiamento do 60% da pólizas, así como acabar coa persecución de Facenda a produtores.
Por último, fai un chamamento especial a que a denominación de orixe Rías Baixas non se vexa afectada polas "malas praxes do goberno do PP" e reclama que se aumente a partida que a Xunta ofrece para a reestruturación de viñedos xa que actualmente non están a chegar estas axudas aos pequenos viticultores.