Carlota Corredera visita o almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A xornalista Carlota Corredera, que se converteu na nova embaixadora da Fundación Provincial Banco de Alimentos para a Gran Recollida Solidaria dos próximos 1 e 2 de decembro, visitou este venres o almacén que a ONG ten na rúa Faustino Santalices.
A coñecida presentadora de televisión fixo un chamamento á cidadanía para encher os actuais andeis baleiros do Banco de Alimentos e sinalou que, aínda que os informativos xa non abren falando de cifras de paro "aínda hai moitas persoas que non teñen traballo e, outras que, a pesar de telo, non poden subsistir" e que isto é unha "realidade á que non podemos darlle as costas, eu, desde logo, non podo".
Así mesmo, animou a facerse voluntario en Pontevedra e comarca onde se necesitan 500 mans solidarias. "Convido os pontevedreses a que se fagan voluntarios, que son só catro horas de solidariedade, unha experiencia que hai que vivila", pediu a xornalista.
Para facerse voluntario do Banco de Alimentos, a persoa interesada ten que cubrir un formulario colgado na web ou tamén pode chamar ao 986 865301.
A imaxe de Corredera e o lema "¿Sigues la cadena?" alagará de carteis numerosas rúas de Pontevedra e, acompañará, ademais, aos distintos puntos de recollida de alimentos durante os próximos 1 e 2 de decembro.
A coñecida xornalista comprometeuse a estar en Pontevedra o próximo día 2 e, como unha voluntaria máis, axudará a recoller alimentos nalgún supermercado adherido a esta acción solidaria que, ano tras ano, permite recuperar o stock de comida que logo se reparte entre as persoas con dificultades.
Carlota Corredera, xornalista e directora de distintos espazos televisivos de La Fábrica de la Tele, é na actualidade unha das condutoras actuais de Sálvame e presentadora de Cámbiame, ambos os dous, programas de Telecinco.
Relacionadas:
-
A televisiva Carlota Corredera, unha voluntaria máis na Gran Recollida de Alimentos
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Decembro comeza coa gran recollida solidaria do Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos en Pontevedra necesita voluntarios para a súa recollida solidaria do 1 e 2 de decembro
Por Oskar Viéitez |