Incendio na fritideira dun restaurante de Virxe do Camiño: "el fuego era incontrolable, no se paraba"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Efectivos do corpo de Bombeiros de Pontevedra interviñeron na tarde deste venres para sufocar un incendio declarado no interior do restaurante Tori Pollo da rúa Virxe do Camiño. Os danos finalmente tan só afectaron a unha fritideira da cociña do local, pero o lume causou gran preocupación aos seus responsables e alarma entre os veciños.
"El fuego era incontrolable, no se paraba", relatou o marido da propietaria unha vez sufocadas as lapas. Segundo explicou, o lume iniciouse nunha fritideira de polo a presión e tentaron sufocalo co extintor do local, pero non o conseguiron porque "apagábamos y volvía a encender", de modo que pediron a axuda dos bombeiros.
Desde o corpo de Bombeiros de Pontevedra indicaron que recibiron a chamada sobre as 18.10 horas deste xoves e desprazáronse ata o lugar. As tarefas de extinción prolongáronse durante apenas uns minutos e ás 18.58 horas xa estaban de regreso na base.
A fritideira afectada estaba cargada con 35 litros de aceite. Os responsables do restaurante estaban a usar a fritideira e pararon para comer, pero, segundo explicaron, produciuse un curtocircuíto no propio electrodoméstico que orixinou o lume. "Se sobrepasó de temperatura y cogió fuego", indicaron.
O inicio do lume foi repentino. Segundo explican, estaban a comer no salón do restaurante cando un dos familiares dixo "huele a barbacoa". O pai dirixiuse á zona da cociña e "de repente, vi fuego dentro".
O incendio afectou á propia fritideira e provocou cuantiosos danos na comida que gardaban. Segundo explicaron, xusto acababan de recibir 25 polos de granxa que teñen que tirar ao lixo e estaban a limpar 20 quilos de peituga e carne das costas do polo que están inservibles.
Está previsto que este venres non poidan abrir o restaurante en horario de noite, pero seguramente poidan retomar a actividade esta fin de semana.