"Estratexias de márketing nas industrias culturais e patrocinios nos eventos e festivais musical" é o título da masterclass que o xestor cultural Víctor Flores ofrece este venres 17 na Casa da Luz a partir das 20 horas e dentro do programa #PontevedraTenunPuntazo do Concello. En PontevedraViva Radio compartiu a súa experiencia neste ámbito e tamén como DJ.
Flores foi director de Márketing Cultural de Red Bull España ata finais do ano pasado, foi profesor de másteres universitarios de xestión cultural, co-fundador do Festival Sinsal ademais de programador de eventos como os da nave de música do Centro Cultural Matadero en Madrid.
Preguntado por este programa #PontevedraTenunPuntazo no que unha administración pública ofrece ferramentas de formación, difusión e sinerxias entre as iniciativas privadas culturais da cidade di: "non atopei iniciativas similares a estas, e paréceme importante e necesarias. O feito de que propostas así estean na miña terra fanme estar encantado de participar como hoxe".
Falando de festivais e concertos, Flores expón que "os promotores de salas de música en vivo veñen queixando dun bajón porque hai festivais para un público novo que teñen neles a oportunidade de ver aos seus artistas favoritos cun prezo moi alcanzable", ao que se engade que inclúen outras propostas alternativas á propia música.
En canto a posicionamentos das empresas do sector no mercado, Víctor Flores responde que "na maior parte dos casos xa non vale unha comunicación convencional. Sen unha boa estratexia de comunicación dixital e un posicionamento adecuado é moi dificil sacar a cabeza entre a competencia. Xa non vale un plan conservador de márketing senón que hai que buscar campañas e iniciativas que vaian por territorios diferentes".
Con vinte anos de experiencia vinculada á música recoñece que "unha das cousas que máis satisfacción dáme é poñer música para a xente"; unha ocasión que terá este venres 17 na Casa da Luz.