O colexio de Ponte Sampaio inaugura o programa de obradoiros micolóxicos de Brincabois
Por Redacción
O colexio de Ponte Sampaio acolleu este xoves o primeiro dos obradoiros programados para este curso escolar pola asociación Micolóxica Brincabois, que nas próximas semanas percorrerá diversos colexios do Concello de Pontevedra. Completa un completo programa de actividades lúdicas e divulgativas deste colectivo.
Segundo informou o colexio, a actividade está organizada por Brincabois coa colaboración do servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e realizouse durante dúas horas na mañá deste xoves co alumnado de 5 anos de Educación Infantil e primeiro, segundo, quinto e sexto de Primaria.
A actividade incluíu unha charla de introdución á micoloxía, unha saída ao campo guiada para recoller cogomelos, unha sesión para identificar os cogomelos recollidos e a montaxe dunha mini exposición no colexio. Foi mini porque, a diferenza do sucedido o ano pasado, nesta ocasión só atoparon catro variedades.
O obradoiro buscaba promover o uso da lingua galega entre os escolares con actividades de micoloxía ao tempo que se iniciaba ao alumnado no coñecementos dos cogomelos habituais na súa contorna e dinamizaba o uso da lingua tanto na oralidade como na escrita, asociándoo a actividades lúdicas e formativas, de interese para a infancia.