O Verdugo inunda o paseo de Ponte Caldelas e a vía córtase ao tráfico
Por Redacción
As copiosas choivas desta noite provocaron unha forte crecida do río Verdugo que obrigou á Policía Local do Concello de Ponte Caldelas a cortar o aceso ao paseo fluvial.
Ademais as choivas causaron o derrubamento de tres muros na comarca esta mañá. Concretamente en Ponte Caldelas veuse abaixo un noiro con terra e pedras sobre o arcén da PO-532 entre Santa Ana e Tourón.
Tamén caeu un muro en Sanxenxo, ocorreu nunha estrada provincial na parroquia de Dorrón, foi ás 9.35 horas. E finalmente no lugar de Malvido, en Marín, a caída dun terceiro muro cortou o acceso a unha vivenda.
A franxa de máximas precipitacións foi entre as 20.30 horas do mércores e 8.30 horas deste xoves, as choivas deixaron 85 litros en puntos como Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas e outras zonas do interior da provincia.
Aínda que non se trata de valores habituais nesta época do ano, fontes de Meteogalicia puntualizaron que tampouco son "excepcionais", xa que unha alerta deste tipo en abril entra dentro do que se pode esperar.