O mal estado da pista do skate park das Lagoas obriga a súa renovación integral
Por Redacción
Os usuarios da pista de skate park das Lagoas viñanse queixando do mal estado das instalacións. Esta situación obrigou o Concello de Bueu a estudar unha renovación integral do material desta pista. O goberno local sinala que os técnicos municipais estudan algunha alternativa de maior durabilidade.
O alcalde Félix Juncal sinala que durante os últimos anos destináronse importantes recursos para substituír as pezas e as bases que estaban en mal estado, sen que ata agora estas substitucións permitisen liquidar o asunto dunha forma definitiva.
En diversas ocasións xa se mantiveron conversacións con usuarios para articular unha solución, como o cambio de material das diversas bases cada pouco tempo. O último amaño realizouse a principios deste ano. Segundo o alcalde, o Concello tamén levou a cabo hai dous anos a renovación da mini pista, que foi recuberta en fibra de vidro, actuación na que o Concello investiu un total de 9.000 euros.
Os usuarios tampouco se mostran satisfeitos con estas solucións. O goberno local considera que as obras de mantemento anuais son insuficientes e por este motivo quere acometer unha renovación integral, buscando que sexa unha solución definitiva.
O alcalde na súa visita mostrouse preocupado porque a pista está a danarse con outros materiais como palés de obra e pedras, que retiraron os servizos municipais. Félix Juncal quixo alertar aos veciños de que esta pista debe ser utilizada unicamente para fins de lecer e deportivos. Ademais lamentou que algúns condutores estacionen nunha zona prevista como parque público.