Marín xa quece os motores para o Nadal
Por Redacción
O Concello de Marín comezou a decorar a cidade para celebrar o Nadal. Desde hai uns días, operarios están a colocar xa as tradicionais luces que iluminarán as rúas máis transitadas durante os días festivos.
O obxectivo do concello é ter practicamente toda a iluminación e os adornos colocados para o vindeiro venres 1 de decembro.
As peticións de adornos de nadal son moitas, segundo o goberno municipal, e buscan tratar de mellorar a iluminación ano tras ano, especialmente pensando no comercio local.
Colocaranse varios adornos, as tradicionais luces en varias rúas e decoracións puntuais que realzarán os espazos máis frecuentados os días de nadal e onde se pretenden concentrar a maioría das actividades.
Así, a Alameda, o farol da Praza de España e un detalle en cada unha das sete parroquias pretenden conseguir esa atmosfera do Nadal. Tamén se decorarán os edificios do Concello, as prazas de abastos de Marín e Seixo e o multiusos.
Paralelamente, o Concello traballa na programación de actividades para eses días. Dentro das posibilidades económicas existentes, preténdese organizar actividades dirixidas a nenos e mozos na Alameda e o Parque Eguren. Ademais, apoiaranse as campañas que realicen as asociacións de comerciantes do municipio.