Dúas mulleres resultan feridas ao ser atropeladas en Pontevedra nunha marxe de 20 minutos
Por Redacción
Ás 7:41 desta mañá, unha moza de 19 anos era atropelada nos arredores da Praza de Barcelos, no ámbito do Garaxe México. Ata o lugar foi a Policía local e unha ambulancia que a trasladou ata o Hospital Domínguez. O turismo que a golpeou era conducido a escasa velocidade por un pai que trasladaba ao seu fillo ao colexio de Barcelos e que afirmou, segundo testemuñas presenciais, que non a vira. A moza caeu ao chan polo impacto e presentaba un corte na cabeza.
Vinte minutos máis tarde, outra muller era atropelada na rúa Loureiro Crespo á altura do número 32. A vítima do atropelo ten 58 anos e foi trasladada por unha ambulancia ata o Hospital Montecelo. Ata o lugar do suceso acudiron a Policía Local e Protección civil.
Os problemas de visibilidade debido ás fortes chuvias de primeiras horas desta mañá parecen as principais causas destes dous accidentes.