Chove, chove e chove... ata cando?
Por Redacción
Galicia leva 38 días continuados con precipitacións. Segundo os datos que ofrece o servizo de Meteogalicia, durante este xoves Galicia e, en concreto, a provincia de Pontevedra está afectada por unha fronte activa. Agárdase que durante toda a xornada os ceos se presenten anubrados con chuvias localmente moderadas. As temperaturas non rexistrarán cambios e os ventos soprarán de compoñente oeste moderados en xeral, con algúns intervalos fortes.
Para mañá, venres, Galicia sitúase nunha zona intermedia entre o anticiclón que se estende en boa parte da Península Ibérica e unha borrasca con pouco movemento no noroeste. Durante o día predominará os intervalos anubrados, con precipitacións intermitentes. Durante a noite comezará a abrirse claros no sur da provincia. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente. Haberá ventos do sueste que pasarán de frouxo a moderados, con intervalos fortes no litoral.
O sábado Galicia quedará baixo influencia do anticiclón pero unha intensa borrasca no noroeste sobre o Atlántico manterá os ventos de compoñente sur de moderados a fortes. Ao longo da tarde agárdase que comecen a abrirse grandes claros quedando os ceos despexados ao final da tarde.
E xa para o domingo e o luns, persistirán probabilidades dalgunha precipitación ocasional na zona oeste malia que o tempo mellorará notablemente. Será a partir do martes cando comezarán a ascender as temperaturas alcanzando valores, por fin, primaverais que poderían superar os 20º C.