Condenan o acusado do dobre crime de Arbo a 47 anos de prisión
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza sobre o dobre crime de Arbo xulgado a principios de outubro por un tribunal popular. O xurado declarou culpable ao único acusado e, en base ao seu veredicto, o maxistrado presidente do tribunal acaba de impoñerlle 47 anos de prisión por matar cunha escopeta nun monte de Arbo á súa ex parella e ao noivo da muller.
A sentenza do presidente da Sección Segunda, Xosé Xoán Barreiro Prado, baseándose no veredicto do xurado, condena a Arturo Domínguez por dous delitos de asasinato con aleivosía. Polo da súa ex muller, no que considera que concorren as circunstancias agravantes de lugar e tempo e de parentesco, imponlle a pena de 24 anos de prisión. Polo crime do home, no que concorre a circunstancia agravante de lugar e tempo, condénao a 23 anos de prisión.
A pesar de que a condena total imposta ascende a 47 anos de prisión, a teor do previsto no artigo 76.1.c do Código Oenal, a sentenza fixa como máximo de cumprimento efectivo da condena do culpable o de 40 anos de prisión.
Estas penas levan consigo a privación da patria potestade respecto da filla en común coa vítima, "xa que este dereito-deber tivo unha relación directa cos delitos cometidos" e a prohibición de achegarse a menos de 200 metros e de comunicarse por calquera medio cos parentes dos falecidos ata o segundo grao de consanguinidade durante 33 anos.
O maxistrado explica que con esta medida preténdese protexer os familiares de ambos de posibles situacións de proximidade persoal entre eles e o autor das mortes que se penan que "puidesen desencadear en calquera tipo de reaccións ou incidentes por mor de indesexables encontros", mesmo antes do cumprimento total da pena se se produce a hipotética concesión e gozo de distintos beneficios penais.
O xurado considerou probado que o comportamento de Arturo Domínguez era "posesivo, controlador e violento", e que insistía en reiniciar a relación e a convivencia coa vítima. Para iso, trataba de seguir contactando con ela, frecuentaba o bar onde traballaba e mesmo a vixiaba, el mesmo ou a través doutras persoas.
A noite do crime, o 3 de xullo de 2015, seguiu á parella ata un lugar apartado, o coñecido como monte da Telleira, e alí aproveitando a súa pericia como cazador "experto" efectuou dous disparos "certeiros" na cabeza ás dúas vítimas cunha das súas escopetas.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a condena a 47 anos de prisión para o acusado do dobre crime machista de Arbo
Por Natalia Puga |
-
VIDEO.- Despiden con berros de "asasino" a Arturo Domínguez, culpable do crime de Arbo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O acusado do doble crime de Arbo, ao xurado: "Son inocente. Xamais mataría a ninguén"
Por Alejandro Espiño |
-
As antenas de telefonía sitúan o acusado do crimen de Arbo preto do lugar onde apareceron os cadáveres
Por Alejandro Espiño |
-
O control "obsesivo" do acusado do crime de Arbo permitíalle saber "en todo momento" o que facía a súa ex parella
Por Alejandro Espiño |
-
"Llevo 27 meses en prisión y no sé por qué", di o acusado polo crime de Arbo
Por Alejandro Espiño |