Adxudicadas por 250.000 euros as obras para reformar a contorna do barrio da Seca
Por Redacción
O Concello de Pontevedra adxudicou este luns dous proxectos para mellorar a mobilidade da contorna da rúa A Seca. A empresa que se encargará destes proxectos será E.C. Casas por un importe superior aos 250.000 euros.
A primeira das intervencións será no cruzamento con Casimiro Gómez e José Malvar que foi adxudicada por 83.017 euros. A empresa incluíu na súa oferta como mellora a instalación de tres reductores de velocidade.
Na Seca, tamén se traballará no último tramo da rúa Fernando Olmedo, na zona do antigo lavadoiro. Foi adxudicada por 170.525 euros e a empresa instalará lombos, aumentará o espesor do aglomerado e mellorará as beirarrúas.
Eliminarase a zona de aparcadoiro entre Fernando Olmedo e Casimiro Gómez coa idea de ordenar este espazo creando unha nova praza arborizada. O prazo de execución das dúas obras é de tres meses.
MELLORAS NA NAVE MUNICIPAL DE CAMPAÑÓ
A Xunta de Goberno de Pontevedra tamén aprobaba a adxudicación da instalación dunha nova cuberta para a nave municipal de Campañó á empresa Ediserpo por unha cantidade de 170.525 euros.
Trátase da primeira intervención que se realizará nesta nave na que está previsto a creación de novos vestiarios de mulleres, a reforma da entreplanta e o pintado da nave, ademais doutros pequenos arranxos para que poidan traballar os 30 traballadores das catro brigadas municipais que a empregan como base.
A oferta económica da empresa gañadora foi acompañada doutras melloras como a renovación de mobiliario dos vestiarios e despachos. O prazo de execución establécese en catro meses.