A Deputación activa un proxecto para impulsar o turismo sustentable
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a posta en marcha do proxecto Protura, cun orzamento de preto de cen mil euros e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, co obxectivo de mellorar o coñecemento entre os profesionais do sector turístico do que significa o turismo sustentable.
Para acadalo, o proxecto basearase en accións formativas e asesorías personalizadas que pretenden achegar estratexias e ferramentas para mellorar a sustentabilidade do destino así como impulsar actuacións que tendan á mellora do emprego e á protección do medio ambiente.
O proxecto está dirixido a aqueles empresarios turísticos do contorno da Rede Natura interesados en mellorar o seu desempeño en sustentabilidade e en acceder a este nicho de mercado.
Estas asesorías personalizadas, que inclúen unha parte presencial e outra a distancia, centraranse na análise das características socioeconómicas da zona, na valorización do potencial endóxeno dos recursos de cada zona, na identificación dos produtos máis relevantes da mesma, na análise da lexislación actual vixente, nas liñas de axudas e subvencións dispoñibles e na xestión das empresas turísticas.