Zonas da Rede Natura en Pontevedra acollerán producións hortofroiteras e apícolas
Por Redacción
Impulsar as producións hortofroiteiras e apícolas de calidade para mellorar a empregabilidade dos habitantes de espazos protexidos. É o obxectivo do programa DepoVerde2017, unha nova iniciativa do goberno provincial que, a través de fondos europeos, conta cun orzamento de case 140.000 euros.
O proxecto desenvolverase en zonas da Rede Natura e irá destinado a persoas interesadas en levar a cabo unha iniciativa empresarial nestes espazos ou que pretendan traballar nos sectores hortofroiteiro ou apícola.
Ao abeiro deste programa impartiranse 16 accións formativas, presenciais e en liña, baseadas nunha produción sustentable.
Por unha banda, organizaranse obradoiros para facer un uso máis eficiente dos recursos naturais a través dunha actividade plenamente integrada no medio, contribuíndo á conservación da biodiversidade e da paisaxe nestas zonas, e por outra impartirase formación xeral sobre os conceptos básicos e necesarios para emprender unha explotación sustentable.
O proxecto pretende impulsar as producións hortofroiteiras e apícolas de calidade en espazos protexidos da provincia como son as Zonas de Especial Protección para Aves (ZEPA) de Pontevedra como as illas Cíes, o complexo intermareal Umia-O Grove, a illa de Ons ou o Esteiro do Miño.
Tamén nos Lugares de Importancia Comunitaria propostos de Pontevedra como o Monte do Faro, o sistema fluvial Ulla-Deza, o río Lérez, A Ramallosa, o Monte Aloia, o río Tea, o Baixo Miño, as Brañas de Xestoso, o Cabo Udra, a Costa da Vela, as Gándaras de Budiño, as illas Estelas, a Serra do Candán e do Cando, as Sobreirais do Arnego e a Enseada de San Simón.
A iniciativa estará cofinanciada entre o Fondo Social Europeo, a Deputación de Pontevedra e a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros de Andalucía, quen é socia desta iniciativa.
Relacionadas:
-
A Deputación impulsa a apicultura e a agricultura en espazos protexidos
Por Redacción |
-
O peirao de Ons, candidato ao 'Rincón máis bonito' da Rede Natura
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación activa un proxecto para impulsar o turismo sustentable
Por Redacción |
-
Cuntis impulsará a actividade hortofrutícola grazas a un proxecto europeo
Por Redacción |