Un empregado do Banco Santander, a xuízo por quedar con cartos dos clientes
Por Redacción
Catro de anos de prisión. É a pena á que se enfronta un empregado do Banco Santander que, segundo a Fiscalía, apropiouse de forma irregular dos clientes da entidade. Considéraselle autor dun delito de apropiación indebida e de falsidade en documento mercantil. Está acusado de idear un plan para quedar con preto de 390.000 euros.
O acusado, que será xulgado o vindeiro martes na Audiencia de Pontevedra, era xestor de clientes en varias oficinas do banco. Sobre todo, apunta o fiscal, desde unha sucursal situada na cidade de Pontevedra, deseñou un armazón encamiñado a quedar "ilicitamente " con diñeiro de determinados clientes.
Así, entre agosto de 2010 e febreiro de 2012, realizou movementos nas contas de seis clientes para distraer diñeiro "para quedar con el" e sen contar, aclara o ministerio público no seu escrito de acusación, coa autorización ou consentimento dos titulares das contas. Desta forma fíxose uns 90.000 euros.
Outra modalidade de estafa foi, continúa o fiscal, facerse con ata nove cartóns de crédito -entre os anos 2001 e 2010- facendo constar na documentación que os solicitantes eran familiares seus, entre eles a súa esposa, a súa nai, o seu irmán ou os seus sogros.
Todos eles descoñecían da existencia dos cartóns, xa que eran remitidos polo banco a un apartado de correos que controlaba o acusado ou ben á propia sucursal na que traballaba, abrindo unha conta asociada a cada unha delas. Apropiouse desa maneira doutros 28.000 euros.
A maior parte do diñeiro, case 273.000 euros, subtraeunos a través de diferentes operacións en fondos de investimento a nome dun cliente, entre 2001 e 2010, ao que chegou a baleirar completamente as súas contas bancarias e, para manter o engano, falsificaba os extractos.
Todas estas operacións, engade o fiscal, foron recoñecidas polo acusado a través de dúas cartas asinadas, con data de febreiro de 2012, e remitidas ao gabinete de auditoría do banco, o cal detectara estas irregularidades e solicitara explicacións. Tras iso, o Banco Santander procedeu a devolver o diñeiro aos clientes e a denunciar ao seu empregado.
De todo o diñeiro que debe devolver, máis de 383.000 euros reclámaos Banco de Santander e os case 6.000 euros restantes o cliente ao que estafou a través dos fondos de investimento, que se corresponden coa cantidade que a entidade non satisfixo ao proceder á súa liquidación.