Unha campaña de vacinación antigripal de récord en Pontevedra: 29.000 pacientes en dúas semanas
Por Redacción
Máis de 29.000 persoas vacináronse contra a gripe na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas dúas primeiras semanas e media da campaña de vacinación antigripal 2017, entre o pasado 23 de outubro e o 8 de novembro.
A cifra supón un incremento de 247 pacientes con respecto ao ano 2016 e, a nivel provincial, significa que Pontevedra é a provincia que mellores datos obtivo ao inicio da campaña. As áreas de Vigo e Pontevedra e O Salnés suman 690 persoas máis.
En concreto, na área sanitaria houbo 29.097 persoas vacinadas, a maior parte do grupo de risco de poboación maior de 60 anos. Un total de 12.529 foron persoas maiores de 75 anos, 5.035 teñen idades comprendidas entre os 70 e 74 anos; 4.060, persoas de entre 65 e 70 anos; 3.634, entre 60 e 65; e 5.083, menores de 60. Ademais, houbo 102 mulleres embarazadas vacinadas.
A campaña de vacinación diríxese a todas as persoas con 60 ou máis anos e ás persoas de 6 meses a 59 anos que pertenzan a algún grupo de risco. Aquí estarían incluídas ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; persoas con enfermidades metabólicas crónicas (diabetes) ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -a partir de 6 meses- con tratamentos prolongados de aspirina; persoas con obesidade mórbida; e mulleres embarazadas.
Na poboación diana están tamén os grupos que poden transmitir a gripe a outras persoas de alto risco -como traballadores de centros sanitarios ou residencias- así como persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.
A campaña de vacinación prolongarase ata o 29 de decembro.
Relacionadas:
-
"Temos a responsabilidade de protexer aos nosos pacientes vacinándonos, para non transmitirlles a enfermidade"
Por Redacción |
-
O alcalde vacínase da gripe ao atoparse nun "grupo de risco"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Montecelo habilitará áreas específicas para tratar os enfermos de gripe
Por Redacción |
-
O luns 23 comeza a campaña de vacinación para enfrontarse á gripe
Por Redacción |