Veciños de Monte Porreiro piden no pleno que se cambie a situación dos composteiros
Por Alejandro Espiño
Unha vintena de veciños de Monte Porreiro, que se opoñen á instalación de composteiros comunitarios nos lugares elixidos polo goberno municipal, acudiron este venres ao pleno para pedir ao Concello que paralice as obras e acorde a súa localización.
Os veciños presentaron no rexistro municipal un escrito, apoiado por 385 firmas, no que explican que rexeitan os lugares elixidos porque se están colocando á beira do centro de saúde, a escola infantil ou de sitios de lecer como parques ou instalacións deportivas.
As obras están a deixar, segundo os asinantes, buracos "sen ningún tipo de seguridade" nos parques -entre eles o da Praza de Europa- e montículos de terra.
Ademais, reclaman que se sitúen en lugares máis illados xa que estes composteiros "son contaminantes", desprenden mal cheiro e atraen os roedores.
Yolanda González, portavoz veciñal, reiterou que "non estamos en contra dos composteiros pero si de onde os queren colocar" e denuncian que "ninguén os vén a controlar" ata que chega a hora de baleiralos.
En concreto, solicitan que se anule a instalación de dous composteiros na rúa Irlanda -á beira do campo de fútbol e do pavillón-, outros dous na rúa Reino Unido -centro de saúde e a escola infantil-, o do Parque Europa e o que estará xunto ao albergue da rúa Luxemburgo.
O tema tratarase nunha asemblea veciñal que se celebrará esta noite en Monte Porreiro.