Poio destinará 60.000 euros en axudas para conservar os hórreos e palleiras de Combarro
Por Redacción
A Oficina do Rehabilitación, a través da Concellería de Patrimonio, acaba de publicar no boletín oficial da provincia de Pontevedra do mércores 8 de novembro, o extracto das bases reguladoras e convocatoria de axudas para a conservación e restauración do patrimonio etnográfico na área de rehabilitación do conxunto histórico artístico de Combarro.
O vínculo desta vila mariñeira e os seus hórreos é ineludible, contando desde tempos inmemorables cunha concentración única e singular que a fai merecedora dunha especial protección e valoración.
Por iso o Concello de Poio destinará, por primeira vez e con fondos propios municipais, ata 60.000 euros para a revitalización e posta en valor dos hórreos e palleiras na súa contorna de protección ou na súa zona de amortiguamento, afrontando con ata o 70% e un máximo de 10.000 euros os custos subvencionables para as obras de conservación e de restauración que sexan necesarias.
Terán prioridade aquelas construcións protexidas da arquitectura tradicional que mostren tipoloxías únicas ou en grave risco de desaparición. Valoraranse aquelas características da restauración que conserven as tipoloxías, as técnicas tradicionais, os materiais autóctonos, etc., así como aquelas que presentando alteracións, tendan á recuperación do seu estado orixinal.
Con este impulso téntase poñer freo ao estado de abandono e deterioración actual dos devanditos elementos protexidos, catalogados na súa maioría como bens de interese cultural, e que en moitas ocasións supoñen unha carga para os seus propietarios ao perder o seu uso principal de almacenamento dos produtos do campo.
Como xa ocorre nas distintas convocatorias do ARI, os técnicos da oficina ofrecerán asesoramento e apoio técnicos para a tramitación das axudas. En aras dunha mellora na divulgación e difusión, o vindeiro mércores día 15 ás 19:30 realizarase unha reunión na Escola de Campo de Combarro para informar desta convocatoria en particular para todos os interesados.
O prazo de presentación das solicitudes deberá realizarse nos próximos 30 días, acompañando xunto coa solicitude oficial a documentación esixida na convocatoria. O texto completo das bases e convocatoria de axudas está dispón na base de datos nacional de subvencións e a través da páxina web do Concello de Poio.