A Xunta invita a Lores a que exima os escolares do pago polo certificado de empadronamento
Por Natalia Puga
A matrícula escolar para o próximo curso académico 2013-2014 abriuse cunha novidade: a Consellería de Educación require este ano que os pais presenten un certificado de empadroamento. A medida implica, no Concello de Pontevedra, o pagamento dunha taxa de 5,37 euros e desatou xa unha ondada de críticas cara á Xunta de Galicia. O delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, saíu en defensa da medida e invita o Concello a que se non está de acordo, exima os veciños do municipio do pagamento desta.
O delegado territorial "lamenta" que dende o Concello de Pontevedra se culpe a Xunta de Galicia de ter provocado un colapso no servizo municipal de empadroamento e argumenta que "son un máximo de 700 certificados. Nun Concello como o de Pontevedra iso resólvese, non é un dato significativo. Se fose o concello de Dozón ou o de Mondariz-Balneario o comprendería, porque son pequenos, pero que o diga o concello que é capital da provincia, non o entendo".
"ÿ unha máis das de Lores, das que nos ten acostumbrados", sinala e recorda que a taxa para pedir o certificado de empadroamento é diferente en cada municipio e mesmo hai algúns que non a cobran de modo que invita ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a que, se non está de acordo, suspenda esa taxa de xeito excepcional cando o documento se solicite con fins escolares.
Indica que a recadación pola emisión dos certificados que requiren os pais de alumnos pontevedreses "para o concello son 3.000 ou 3.500 euros ao ano e non significa nada", de aí que poida optar por esta supresión do cobramento da taxa se está en desacordo coa medida adoptada por Educación, pois "é unha decisión municipal. E a taxa que se impón, o mesmo".
Ademais, Cores Tourís defendeu que este ano se solicite este cerficado porque é unha forma de loitar contra a picaresca de pais que piden praza para colexios que non lles corresponden pola súa vivenda " e de que todos os pontevedreses teñan as mesmas oportunidades para optar a un centro público".
"O alcalde tería que apoiar que os cidadáns opten en igualdade de condicións", sinalou o delegado territorial da Xunta de Galicia, que ademais, pediu a colaboración do Goberno local para "entre todos acabar coa picaresca e defender os dereitos dos pontevedreses, tal e como estamos a facer dende a Xunta de Galicia".
Relacionadas:
-
Piden ao Concello que devolva as taxas que cobrou polo certificado de empadroamento para a matrícula escolar
Por Natalia Puga |
-
O Concello culpa á Xunta dos colapsos no Padrón por non avisar do cambio na matrícula escolar
Por Redacción |
-
A matrícula escolar supón este ano o pagamento dunha taxa e facer cola
Por Oskar Viéitez |