O Concello asumirá a "gran maioría" das propostas veciñais ao orzamento municipal
Por Alejandro Espiño
Nun ton "cordial" celebrouse, segundo Raimundo González, a reunión entre o goberno municipal e as federacións veciñais de Pontevedra para avanzar na confección do orzamento do Concello para 2018. Tanto Teucro como Castelao -Boa Vila escusou a súa ausencia- mostraron, destacou o edil de Facenda, unha actitude "construtiva".
As federacións presentaron preto de medio centenar de propostas para a súa incorporación ao proxecto de orzamentos. "Ningunha chirría", explicou Raimundo González, que avanzou que o primeiro borrador, que espera ter listo a próxima semana, xa recollerá a "gran maioría" das peticións veciñais.
O único condicionante será, segundo o concelleiro nacionalista, que existan partidas económicas suficientes para asumir todas estas peticións, pero o Concello estudará cada unha delas e mostrouse disposto a incluílas no orzamento.
Castelao e Teucro presentaron cinco propostas xenéricas.
Así, solicitan que se busque terreos para habilitar un parking disuasorio na Parda, que se recupere o plan Monte Vivo, que se mellore a sinalización nas saídas e entradas da cidade, que se poña en marcha un plan laboral de formación ou que se reúna toda a información das novas liñas de transporte público aprobadas pola Xunta.
Entre as 42 iniciativas que, segundo o goberno municipal, son máis específicas os veciños solicitaron lombos na avenida de Buenos Aires, Campañó, Ponte Sampaio ou Cerponzóns, que se conclúa a rede de saneamento en Salcedo, Alba, Lérez e Ponte Sampaio ou que se realicen campañas de compostaxe e se amplíen os puntos de reciclaxe.
Ademais, tamén se inclúen propostas concretas sobre iluminación pública, lavadoiros e fontes no rural, novas zonas verdes, mellorar a accesibilidade na biblioteca de Ponte Sampaio ou que se encargue un estudo para destapar a parte soterrada do Gafos, entre outras.
Raimundo González avanzou que a próxima semana espera ter ultimado un primeiro borrador do orzamento para entregarllo aos portavoces dos grupos políticos da corporación.
Relacionadas:
-
María Rey non negociará co BNG o orzamento municipal
Por Redacción |
-
A metade dos investimentos municipais para 2018 será no rural
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Marea propón incluír no orzamento de 2018 un plan de emprego xuvenil
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local traballa nun orzamento de 74 millóns de euros que negociará de maneira "preferente" con Marea
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra conxelará por cuarto ano consecutivo todas as taxas e impostos municipais
Por Natalia Puga |