Deporte e gastronomía mestúranse na segunda RaxoFesta de Barro
Por Redacción
Os días 9 e 10 de decembro volve a RaxoFesta. Barro acollerá a segunda edición deste evento gastronómico, organizado polo Barro CF para recadar fondos para o equipo.
Tras o éxito do ano pasado, a directiva do club organizou unha cita con varias novidades.
A máis destacada é a presenza do grupo humorístico galego Páramo Pictures, que serán os encargados de pronunciar o pregón inaugural, o sábado 9 de decembro ás 13 horas.
Ao tempo, procederase a apertura da carpa de degustación, que estará en funcionamento ata as 24 horas sen interrupción. Despois do pregón actuará o grupo de gaitas Amor Ruibal.
Ademais, nesta edición hai a posibilidade de mercar de xeito anticipado os tickets para o menú RaxoFesta Interparroquial composto de tapa de polbo, raxo e pan a un prezo de 13 euros. Poden mercarse na Taberna Breixo, no bar Don Pincho e na Rula.
E para os que prefiran outras opcións, as propostas son diversas. Dende tres euros poderase degustar o raxo en diferentes variedades, como en brocheta ou empanada, ao allo, á pementa ou simplemente con patacas fritidas.
Xunto coa cita gastronómica, organizarase o V Torneo Interparroquial, unha iniciativa creada coa idea de fomentar as relacións veciñais a través do fútbol, con encontros que se disputan entre as seleccións das diferentes parroquias.
Este ano, xunto co partido feminino de solteiras contra casadas que goza de gran acollida, outra das novidades é o Torneo Menudo, ideado para que os máis pequenos das parroquias tamén participen da competición.
Todo iso acompañado os dous días por diferentes grupos musicais de variados estilos como Son Das Tabernas, os DJ Santi Barreiro e Fran Parguiñas e o grupo Azabache.