Sogama recibe o certificado Ardán de Empresa de Alta Produtividade 2017
Por Redacción
A Sociedade Galega do Medio Ambiente, Sogama, recibiu o certificado Ardán de Empresa de Alta Produtividade 2017, indicador que acredita a aquelas compañías que presentan un valor engadido por empregado por riba do percentil 75 do sector no que operan durante tres anos consecutivos do período de análise e cunha taxa de crecemento superior ao 10% en cada ano.
Con este galardón recoñécese a boa xestión empresarial de Sogama e a súa capacidade para resolver distintos aspectos contemplados nos indicadores Ardán, que se sustentan sobre unha metodoloxía apoiada por expertos na materia e avalada por distintos estudos e cálculos numéricos que se revisa cada ano.
INNOVACIÓN E DIVERSIFICACIÓN, AS CLAVES
A innovación e a diversificación constitúen aspectos que foron valorados en gran medida, dados os elevados investimentos económicos que esta compañía pública realizou e realizará no ámbito tecnolóxico e a súa planificación estratéxica a longo prazo. Proba disto é a ampliación do seu complexo medioambiental, á que destinará 29 millóns de euros, e que conta cunha clara visión de futuro de cara a centralizar no mesmo a xestión e o tratamento dos residuos urbanos producidos en todo o territorio galego. De feito, a capacidade desta infraestrutura verase incrementada nun 81% ao pasar das 550.000 toneladas a 1 millón, adoptando igualmente tecnoloxías vangardistas e de última xeración que lle permitirán recuperar a fracción reciclable contida no lixo en masa (envases plásticos, pet, pead, pebd, plástico mestura, aceiro, aluminio, vidro e papel/cartón), multiplicando por catro a súa achega ao reciclado e diminuíndo a mínimos o vertido.
EN SÉTIMO LUGAR
Das 18.235 empresas que conforman o informe Ardán 2017, un total de 188, entre as que se atopa Sogama, obtiveron o indicador de alta produtividade, representando un 1,03% sobre o total de Galicia.
Tomando como referencia os ingresos de explotación 2015, a Sociedade Galega do Medio Ambiente posiciónase en sétimo lugar, con 116.758.545 euros, logo de Fashion Retail, S.A, do grupo Inditex, dedicada á Distribución Minorista de pezas de vestir e complementos; Lactalis Compras e Suministros, S.L.O, do grupo Lactalis, Maiorista de produtos lácteos e ovos; Disashop, S.L, do grupo Disa Consulting, con actividades de telecomunicacións; Asientos de Galicia, S.A, do grupo PSA, con competencias na fabricación de compoñentes, pezas e accesorios; Puentes y Calzadas Infraestruturas, SLU, do grupo Puentes, dedicada á construción de estradas e autopistas; e CIE Galfor, S.A.U, do grupo Cie Automotive, correspondente ao sector da forxa, estampaxe e embutición de metais. Séguenlle Foresa Industr. Químicas del Noroeste, SA, do grupo Finsa; Aludec, S.A, do grupo Aludec, e Porto de Celeiro, S.A, do grupo Regal.
Cabe recordar, ademais, que Sogama dá emprego a un milleiro de persoas, entre postos directos e indirectos.