A concelleira María Rey pide a renovación do firme das pistas deportivas de Barcelos
Por Redacción
A concelleira de Cidadáns de Pontevedra, María Rey, presentará un rogo no próximo pleno da corporación municipal para esixir ao goberno local do BNG que proceda á renovación do firme das pistas deportivas do parque de Barcelos.
Rey sinala que a situación do firme "é lamentable, cando en realidade, un pavimento deste tipo e co uso que se lle dá, non debería presentar tal estado". Lembra que xa, tras a inauguración das canchas, houbo críticas polo firme rugoso "e mal executado" que presentaban e que "non parece o máis adecuado para a práctica deportiva".
Cidadáns recibiu "numerosas queixas de veciños por accidentes sufridos polos seus fillos nestas pistas".
A concelleira reitera a necesidade de "un mantemento e control exhaustivo" das zonas utilizadas por usuarios infantís e xuvenís para velar pola súa seguridade e integridade física, "con revisións periódicas por parte dos técnicos en canto a xogos, chans, elementos decorativos, etcétera, para alcanzar as máximas garantías de seguridade e benestar".
Por esta razón, pide que se inste aos técnicos municipais a unha "revisión minuciosa" do parque de Barcelos e a emendar as deficiencias existentes, ademais da substitución do firme das pistas e tamén a reparación das deficiencias detectadas no pavimento do contorno das instalacións deportivas.