Nunca Máis de Pontevedra maniféstase hoxe na Coruña no inicio do xuizo do Prestige
Por Redacción
Todos os municipios das Rías Baixas sufriron en novembro de 2002 os efectos da marea negra do Prestige, que tiñó de chapapote 1.600 quilómetros de costa entre a desembocadura do Río Miño e os municipios do sur de Francia.
Esta afectación pontevedresa provocou que nos meses seguintes ao hundimieto do petroleiro a 3.850 metros de profundidade a 250 quilómetros da costa galega a contestación cidadá fose continua. As manifestacións e actos de protesta convocados por diversos colectivos encheron as rúas de todas as localidades e as bandeiras negras e pancartas inundaron fiestras e balcóns.
Esta implicación cidadá terá a súa réplica este martes 16 de outubro. A punto de cumprirse unha década da catástrofe ambiental, o caso chega a xuízo na Audiencia Provincial da Coruña e a plataforma cidadá Nunca Máis quixo estar aí. Representantes do colectivo en Pontevedra a secundarán o acto de protesta convocado ás 11.00 horas ás portas de ExpoCoruña.
A plataforma puxo a diposición dos pontevedreses que desexen acudir á concentración un autobús e tamén está previsto que acudan algúns representantes do colectivo como o voceiro en Pontevedra, Xosé Manuel Abraldes, os sindicatos maioritarios (UGT, CC.OO. e CIG), a APDR, a Federación Castelao ou a Asociación Cultural Maio Largo. Tamén a Plataforma en Defensa da Ría da Arousa anunciou a súa asistencia.
Todos estes colectivos anunciaron nos últimos días que van estar moi atentos en relación ao que poida suceder durante o proceso xudicial. Entenden que os auténticos responsables non son os que se van sentar no banco dos acusados e afirmou que se está a culpar técnicos de rango inferior. E puxo como exemplo o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, que "está a asumir todas as responsabilidades cando, en realidade, as decisións foron políticas".
Dende hoxe, e durante sete meses, serán xulgados o capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, e o xefe de máquinas do buque, Nikolaos Argyropoulos, por delitos contra os recursos naturais e o medio, danos e desobediencia-resistencia; e o director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors González, por un delito contra o medio e danos. Non puido ser localizado, e está declarado en rebeldía o cuarto imputado, o primeiro oficial do Prestige, o filipino Ireneo Maloto.
A Fiscalía só solicita pena de prisión para o capitán, 12 anos, pero diversas partes comparecidas na causa piden para os outros tres penas que van dos catro aos nove anos. Para López-Sors, a petición máxima é de cinco anos de privación de liberdade.
A Fiscalía vai solicitar unha compensación provisional por danos e prexuízos de 4.121 millóns. Destes, 3.862 corresponden a danos medioambientais que serán aboados ao Estado español, e os outros 259, a administracións, entidades e particulares de España e Francia. Entre eles fuguran os concellos da provincia de Pontevedra que reclaman 1,9 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Pontevedreses ás portas do xuízo do Prestige: agora vémonos todos outra vez coas mans negras
Por Natalia Puga |
-
Sen danos no ADN pola recollida do chapapote do Prestige
Por Redacción |
-
A Plataforma Nunca Máis volve para evitar outro "Prestige"
Por Anxo Lourido |
-
Os concellos pontevedreses reclaman 1,9 millóns polos danos do Prestige
Por Oskar Viéitez |