Detido un individuo por roubar diñeiro e xoias a unha persoa da súa confianza
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Marín detiveron un home de 33 anos de idade, veciño de Pontevedra, como presunto autor dun delito de furto de xoias nun domicilio de Pontevedra.
Segundo fontes oficiais os feitos foron denunciados o día 11 de outubro, cando unha veciña de Pontevedra daba conta na Comisaría da Policía Nacional de Marín da subtracción no seu domicilio de múltiples xoias, entre as que había un cordón de ouro, varias pulseiras e pendentes entre outras alfaias así como diñeiro en efectivo, todo iso valorado en 1.500 euros.
A propia denunciante manifestaba que as portas de acceso ao seu domicilio non presentaban síntomas de ser forzadas, polo que sospeitaba que a subtracción debía de ser cometida por alguén da súa confianza e que tivese acceso á súa casa.
Os investigadores iniciaron as xestións pertinentes que conseguiron determinar que o presunto autor da subtracción efectivamente fora alguén próximo á denunciante.
Durante o transcurso da investigación a denunciante foi citada en dependencias policiais para efectuar o recoñecemento fotográfico dalgunhas das xoias localizadas polos axentes en diferentes establecementos de compravenda. As xoias non puideron ser recuperadas ao expirar o prazo e ser enviadas a fundición.
O detido ía vendendo aos poucos co cal a propietaria non se decataba da súa desaparición. Por todo iso, os axentes comezaron os labores de investigación para tratar de localizar o presunto autor da subtracción, procedendo á súa identificación e posterior detención por un delito de furto o día 2 de novembro, tras o cal prestou declaración en dependencias policiais.