A Xunta propón incluír o Parque Nacional das Illas Atlánticas na lista de humidais de importancia internacional Ramsar
Por Redacción
A Xunta remitirá ao Ministerio de Medio Ambiente a proposta completa de inclusión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na Lista de Humidais de Importancia Internacional (Convenio Ramsar).
O convenio relativo aos humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, é un tratado intergobernamental que proporciona o marco para a acción nacional e a cooperación internacional en favor da conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos.
A Consellería de Medio Ambiente destaca a existencia dunha rede de covas mariñas ou a presenza de importantes colonias de cría de gaivota patiamarela e cormorán moruño, como un dos criterios que establece o convenio Ramsar.
Cando un país se adhire ao convenio de Ramsar contrae unha serie de compromisos xerais cuxo obxectivo principal é "a conservación e o uso racional dos humidais mediante accións locais, rexionais e nacionais e grazas á cooperación internacional, como contribución ao logro dun desenvolvemento sostible en todo o mundo".
A Lista Ramsar é unha lista de prestixio, xa que integra as zonas húmidas máis importantes do mundo desde o punto de vista do seu interese ecolóxico e para a conservación da biodiversidade.
Relacionadas:
-
Un parque nacional único no mundo
Por Noticia patrocinada |
-
Case 90.000 persoas desembarcaron este verán na illa de Ons
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Simulacro de rescate do Exército do Aire fronte á costa pontevedresa
Por Natalia Puga |
-
A Universidade de Vigo instala un medidor de ozono na illa de Ons
Por Redacción |