O IES de Sanxenxo obtén o Premio a Proxectos de Formación Permanente de Profesorado
Por Redacción
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou a relación provisional de centros galardoados cos Premios a proxectos de Formación Permanente do Profesorado 2017, dirixidos aos centros docentes que participaron neste tipo de plans en centros educativos públicos no curso 2016/17.
Na provincia resultaron premiados o IES de Sanxenxo e o Centro de Educación Especial de Panxón, en Nigrán. Cada un dos centros obterá unha asignación extraordinaria de 2.000 euros sobre o concedido para o desenvolvemento do Plan de Formación Permanente do Profesorado.
Ademais concédese unha mención especial aos mellores proxectos de formación premiados que, no caso de Pontevedra, recae no IES de Sanxenxo, que recibirá unha asignación extraordinaria de 1.000 euros.
Para conceder estes premios avaliouse o contido innovador e transferibilidad do proxecto, os recursos tecnolóxicos, o traballo multidisciplinar e o grao de implicación da comunidade educativa, entre outros aspectos.
Desta forma, a Xunta quere recoñecer as boas prácticas na formación permanente do profesorado e fomentar que os centros docentes desenvolvan aqueles aspectos que permitan a actualización e perfeccionamento das competencias profesionais dos docentes para mellorar a calidade na educación.