875 botellas clandestinas de augardente e licor de bagazo, incautadas pola Garda Civil en Combarro
Por Redacción
Axentes da Garda Civil incautaron unha partida de 638 litros de distintos licores de bagazo e aguardiantes que se comecializaban de forma fraudulenta na localidade de Combarro, no municipio de Poio. Estas bebidas vendíanse sen etiqueta nin marcas fiscais.
Integrantes da Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil con sede de Marín, no marco das súas competencias específicas, levaron a cabo unha inspección rutineira nunha tenda de souvenirs en Combarro para comprobar o cumprimento da normativa sanitaria e fiscal da mercadoría que se atopaba á venda.
Durante esta inspección, segundo informan desde a Garda Civil, localizáronse 875 botellas de distintos augardentes e licores, que carecían de marca fiscal e de etiquetaxe que puidese determinar a trazabilidade, segundo establece a lexislación.
Os axentes procederon á aprehensión cautelar das botellas e denunciaron o responsable da tenda por dúas infraccións administrativas, a de impostos especiais por carecer dos precintos fiscais e a de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, que terá que resolver a Delegación Provincial de Sanidade da Xunta de Galicia.
A denuncia céntrase no risco que a venda de alcol podería levar para a saúde pública, dado que ao carecer de etiquetas comerciais descoñécese a trazabilidade do produto e non se pode coñecer a empresa responsable da súa elaboración e distribución.